CRTVG

Buscar

Unha enfermeira que traballa en Londres, unha das primeiras galegas vacinadas contra a covid

Publicado o 23/12/2020 15:19

No Telexornal mediodía falamos cunha das primeiras galegas vacinadas xa contra a covid. Recibiu a primeira dose de Pfizer no Reino Unido e está á espera da segunda.

Paula González leva cinco anos traballando na UCI do hospital de referencia en enfermidades infecciosas de Londres. Estes días busca un respiro na súa casa de Ourense: "Porque os casos si que se están incrementando, xa temos que coidar máis pacientes dos que deberiamos. Temos medo de que os recursos, sobre todo os recusos humanos, que xa están escaseando".

Explica que por estar na primeira liña de coidados, entrou na primeira fase da campaña de vacinación británica: "Eles optaron por protexer os seus maiores e os que estamos en primeira liña. Comezaron a poñela os maiores de 85 anos e tamén a nós".

Vacinouse hai unha semana da primeira dose e non sufriu efectos secundarios: "Non sentín nada. A típica dor despois de poñer unha vacina como outra calquera que me durou esa noite e a mañá seguinte e agora estou perfecta. Levo unha semana perfecta. A segunda dose é en xaneiro".

Ata entón e tamén despois, mesmo inmunizada, ten claro que debe seguir coas medidas de hixiene e seguridade. Paula explica que "a inmunidade se adquire sete días despois da segunda dose, pero hai que lembrar que se só unha persoa está inmunizada e o resto non o está, non serve de nada".

Alí, coma aquí, vacinarse é voluntario. E para todos os que dubidan a súa mensaxe é contundente: "Se de verdade queremos volver á vida que tiñamos antes, temos que vacinarnos".

Noticias web

23/12/2020