Unha enfermeira mexicana é a primeira latinoamericana en poñer a vacina de Pfizer

A enfermeira especialista María Irene Ramírez, de 59 anos e xefa de Enfermaría da Unidade de Terapia Intensiva do Hospital Rubén Leñero de Cidade de México converteuse este xoves na primeira mexicana e latinoamericana en recibir a vacina de Pfizer-BioNTech.
"Estou un pouco nerviosa, pero moi feliz. A verdade é que é o mellor agasallo que puiden recibir no 2020. Dáme seguridade para seguir á fronte desta guerra contra un enemigo invisible", expresou Ramírez antes de ser vacinada sobre as 07:50 hora local (13:50 GMT) no Hospital Xeral de México, na capital do país.
México puxo en marcha este xoves o plan de vacinación contra a Covid-19 ao subministrar as primeiras doses adquiridas da vacina de Pfizer-BioNTech a membros do persoal médico do país, que rexistra máis de 120.000 mortos e 1,3 millóns de contaxios confirmados pola pandemia.
Cun cargamento de 3.000 doses, México converteuse no primeiro país latinoamericano en recibir as vacinas de Pfizer e espera adquirir novas doses cada semana para vacinar a todo o seu persoal médico en xaneiro e ao resto da poboación entre 2021 e 2022.
Primeiras vacinacións
As primeiras vacinacións de México realizáronse no Hospital Xeral da capital mexicana, a cidade máis afectada polo coronavirus, e en dous recintos militares nas cidades de Toluca (Estado de México) e Querétaro (Querétaro), e foron retransmitidas en vivo durante a conferencia de prensa do presidente, Andrés Manuel López Obrador.
María del Rosario Lora López, enfermeira especialista do Hospital El Marqués, foi a primeira persoa vacinada en Querétaro e Daniel Díaz Domínguez, xefe de Asistencia Interna do Hospital Militar de zona en Toluca, o primeiro na súa área.
As vacinas están sendo custodiadas polas Forzas Armadas en contedores con xeo seco que as mantén a -70 graos e que contan con chips de xeolocalización. "Facer extensivo o agradecemento a todos os traballadores e institucións do sector sanitario por todo o que fixeron, son heroes e heoínas todos os que traballan en hospitais covid salvando vidas", expresou o presidente despois destas tres primeiras inxeccións.
López Obrador garantiu que durante os próximos meses, a vacinación "vai ser universal e gratuíta" e que "vai depender só da disponibilidade da vacina", xa que o Goberno xa conta co orzamento para adquirilas.
"Somos o primeiro país en América Latina en recibila. Hoxe iníciase a vacinación en México, na Unión Europea iníciase o domingo. Cumpríuse, chegamos a tempo", celebrou á súa vez o chanceler mexicano, Marcelo Ebrard, a quen López Obrador encargou conseguir vacinas o antes posible.
México espera recibir a próxima semana un novo cargamento con 50.000 doses da vacina de Pfizer, ao finalizar xaneiro 1,4 millóns de doses e ao acabar o 2021, 34,4 millóns de doses. Tamén prevé 77,4 millóns de doses da británica AstraZeneca e 35 millóns da china CanSino, dúas vacinas que todavía non foron autorizadas para o seu uso.
Chile recibiu este xoves un cargamento de 10.000 doses de Pfizer que comezarán a inocular esta xornada, e Arxentina agarda a chegada da vacina rusa Sputnik.