CRTVG

Buscar

Unha enfermeira galega, entre as primeiras vacinadas contra a Covid-19 en Londres

Publicado o 03/01/2021 15:26

O Reino Unido comeza mañá a administrar a vacina de AstraZeneca contra a covid-19. Logo de tres semanas de vacinación, o país supera o millón de doses aplicadas do medicamento de Pfizer. Entre as primeiras, unha enfermeira de Vigo que acaba de chegar a Galicia.

"Eu puxen a vacina, a primeira dose da vacina Pfizser e non tiven ningún tipo de problema. Doeume o brazo un pouco un par de días, que é o máis normal nunha vacina intramuscular e non pasou nada. Hai que vacinarse, hai que ter conciencia social este é un virus de sociedade, non se pode parar só."

Laura acudiu a vacinarse de xeito voluntario en canto tivo oportunidade de facelo. Puxéronlla no hospital de Londres onde traballa dende hai oito anos.

"A cousa está mal. Eu son enfermeira de UCI, traballo nun dos hospitais máis grandes de Londres e estamos ata arriba. Por favor, xente, non o tomedes a broma porque a cousa é seria", asegura.

E tan seria, o Reino Unido rexistraba este sábado 57.725 novos casos, a cifra máis elevada no país dende o comezo da pandemia. E suma cinco xornadas con máis de 50 mil contaxios por día. Os expertos relacionan estes niveis de propagación co xurdimento da nova cepa, máis contaxiosa.

"Eu creo que nas festas houbo xente que seguiu sendo bastante inconsciente e celebrou xunta, eu creo que foi o que causou esta nova vaga que é incluso peor que a primeira".

"Preocupación, por suposto. Cepas nos virus sempre vai haber novas, coa covid simplemente é un virus novo e non sabemos moito del e hai que vacinarse cando veña a vacina", apunta a enfermeira.

Laura está estes días na casa en Vigo. Regresará a Londres con tempo para pór a segunda dose da vacina. O Reino Unido supera o millón de persoas inmunizadas. 
 

Noticias web

03/01/2021