CRTVG

Buscar

Unha enfermeira do CHUAC á poboación: "Necesitamos que fagades caso ás normas"

Publicado o 23/01/2021 15:08

Ao incremento dos contaxios e da presión hospitalaria súmanse o cansazo e o desánimo do persoal sanitario que traballa en primeira liña con pacientes de coronavirus. Mónica Pérez, unha enfermeira da planta covid do CHUAC fai un chamamento á poboación. Implora á cidadanía que cumpra as medidas e que evite todo contacto social que non sexa imprescindible para frear os contaxios.

A transmisión do virus segue imparable e a situación nos hospitais está a ser moi preocupante. O persoal sanitario chega moi canso e con certo desámino a esta terceira vaga e pide a colaboración dos cidadáns para frear os contaxios.Lémbrannos que depende de nós reducir ao máximo os contactos sociais e quedar na casa o maior tempo posible

Mónica Pérez, enfermeira da unidade de covid do CHUAC:
"Quero mandar unha mensaxe á poboación de que nos axuden. Necesitamos que vos coidedes moito, que fagades caso a todas as normas sanitarias, reducir os contactos, saír ao imprescindible, a situación é moi mala, os hospitais están case cheos e dentro de nada non sei como imos atender os pacientes".

Mónica, enfermeira da planta de covid, pide un último esforzo, porque moitos novos contaxios pódense evitar.
Mónica Pérez, enfermeira da unidade de covid do CHUAC:
"Estamos moi cansos física e psicoloxicamente e sei que a poboación tamén, son moitos meses do mesmo, son moitos meses de coronavirus, pero necesitamos un último esforzo, ata que a poboación estea vacinada".

Apela á responsabilidade individual e a concienciación social. De non se seguiren as medidas, advirte, os vindeiros meses serán moi duros e haberá moitas familias que perderán antes de tempo un ser querido.
Mónica Pérez, enfermeira da unidade de covid do CHUAC:
"Nestes meses temos que dalo todo para que poidamos combater este virus, moitas grazas. Sei que só son unha enfermeira, pero tamén son nai, tamén son filla e pídovos a vosa axuda, pídovolo por favor".

Noticias web

23/01/2021