CRTVG

Buscar

Unha empresa mariñá soubo reinventarse tras arderlle a nave

Publicado o 29/04/2020 20:59

A finais de marzo, un incendio arrasou a nave dunha empresa de Viveiro dedicada á impresión dixital e á rotulación. Apenas un mes despois, a firma renaceu das súas cinzas no veciño concello de Xove e soubo reinventarse para dedicarse practicamente en exclusiva á fabricación de proteccións de metacrilato.

Alberto García, xerente de Signo Futures: "Tiñamos unha actividade que funcionaba. A xente botounos unha man apoiándonos moralmente, e incluso nos ofreceron axuda económica. Para nós iso foi un reto. Tiñamos que volver nacer, volver empezar, en tempos difíciles, moi complicados neste momento. Pero cremos que podemos volver saír adiante".

O feito de que os provedores de maquinaria fosen rápidos á hora de subministrala foi vital para retomar a actividade en tan pouco tempo. De feito, esta máquina estase a estrear coa elaboración desta protección de metacrilato.

Alberto García, xerente de Signo Futures: "Agora mesmo o que retomamos é a actividade de fabricación de proteccións. Non hai outra cousa para ningunha empresa de rotulación en todo o ámbito estatal. Non facemos outra cousa que non sexan biombos ou vinilos de sinalización de seguridade."

A empresa conta agora mesmo con medio cento de pedidos, a maioría para a fabricación de proteccións para os salóns de peiteado, que para a semana vindeira tamén retoman a actividade.

Noticias web

29/04/2020