Unha empresa galega produce tecnoloxía para xeolocalizadores de interiores
Un hospital, un aeroporto, un recinto feiral, unha nave industrial ou un grande evento deportivo... Os espazos son cada vez máis grandes e dar coa porta de embarque, a tenda ou a consulta que nos toca pode ser complicado... Por iso é cada vez máis habitual que nestes lugares se instalen sistemas de posicionamento e guiado semellantes ao GPS que empregamos para movernos no exterior.
Baixar á planta 1 e na planta 1 baixar á cero... indica unha aplicación baseada no xeolocalizador de interiores de Situm.
En calquera país do mundo en que atopemos un xeolocalizador deste tipo é moi probable que sexa obra dunha empresa xurdida no Centro de Investigación de Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago.
Victor Álvarez Conselleiro delegado de SITUM : "Aquí no CITIUS faise tecoloxía punta moi, moi boa. Moitas veces falta dar o paso que demos nós, que é saltar ao mercado"
Ese salto ao mercado de tres novos enxeñeiros especializados en robótica móbil e intelixencia artificial foi espectacular. En só cinco anos pasaron de 3 a 20 traballadores e adaptaron o seu sistema en máis de catro mil recintos e instalacións industriais de todo o mundo.
A súa tecnoloxía conxuga os parámetros de xeolocalización dos propios edificios cos dos teléfonos móbiles e non require ningún tipo de instalación a maiores, o que supón unha vantaxe fronte ás aplicacións que ofrecen as empresas da competencia.
Victor Álvarez: "Ainda que xurdiran noutros paises como Finlandia ou Estados Unidos que a xente pensa que traballan moi ben, que fan tecnoloxía punta a nosa tecnoloxía está agora mesmo un paso por diante.
Esa vantaxe nótase nos seus resultados. Do 2017 ao 2018 multiplicaron por catro a sua facturación e prevén que de aquí ao 2021 terán que duplicar o cadro de persoal para atender novos proxectos coma os xogos olímpicos de Toquio.