CRTVG

Buscar

Unha empresa galega á vangarda cos drons usará estas naves para prover buques en ruta.

Publicado o 13/02/2021 15:43

Un petroleiro parado é un petroleiro que non dá beneficios, polo que provelos sen que teñan que entrar en porto é unha sorte de revolución. E unha empresa lalinense, Aerocámaras, que se consolidou cun proxecto de loita contra a velutina financiado pola Axencia Galega de Innvoación, pretende cambiar o mundo da navegación marítima usando drons. Vén de asinar un acordo cunha subministradora de carburante marítimo para conseguilo.
Segundo Jaime Pereira, CEO de Aerocámaras, "imos transportar cargas de cinco quilos e máis adiante de 200 quilos, con outros tipos de drons. Con isto conseguimos aforrar tempo, custas e riscos, porque podemos voar cara o barco sen aproximarnos a el e deixar a mercadoría sen que o barco se deteña".

A asociación empresarial xa está operativa coa realización de inspeccións técnicas aéreas en tres dimensións, que só requiren que a embarcación se deteña unha hora, co conseguinte aforro en custas. Pero en dous meses terá operativos tres drons capaces de trasladar envíos de ata cinco quilos aos buques que naveguen polo estreito de Xibraltar.

"Cargamos nunha maleta estanca de diferentes tamaños -ilustra o responsable de Aerocámaras-. Coordinámonos co capitán do barco, temos coordenadas, hora de chegada...A partir de aí imos cara o barco, que estannos esperando, deixamos o paquete a través dun "winche" que descendemos a uns vinte metros de distancia aproximadamente, o operario do barco colle o paquete, e voltamos para a base".

Esta empresa lalinense desenvolve ela mesma os seus drons, que acadan unha autonomía de dez horas e tamén se encarga de formar os pilotos. Cun abano de aplicacións enorme, están xa estudando o envío de pezas e subministración de ata 200 quilos sen que os buques se teñan que desvíar da ruta. E non paran aí, porque estas aeronoves tamén funcionan en materia de seguridade e produción audiovisual. A revolución está en marcha.

Noticias web

13/02/2021