CRTVG

Buscar

Galicia Noticias Serán

Unha empresa de Xinzo de Limia vende patacas on line

Publicado o 12/12/2014 20:50

Mercar pataca de Xinzo xa é posible cun só click. Unha empresa ourensá comezou a súa comercialización a través da rede hai apenas dúas semanas. Aseguran que a iniciativa polo de agora está a resultar todo un éxito e que moitos dos seus clientes mesmo xa realizaron varios pedidos.

Nesta empresa de Piñeira Seca colleitanse cada ano uns 300 mil quilos de pataca. A meirande parte adícase á transformación. Para o que resta había que atopar unha saída.

"As novas tecnoloxías están impoñendo cada día que deamos pasos axigantados. Fixándonos nun sector moi parecido como é a laranxa comercialízase xa unha porcentaxe moi alta a través de Internet, por qué non as patacas."

Dito e feito. Crearon unha páxina web a través da que se escolle a variedade que se prefire e tamén a cantidade. Hai caixas de 10 e 20 quilos.

"As novas tecnoloxías están brindando moitas oportunidades e o feito de poder mandar unha pataca de calidade a calquera punto de España pois é o que nos motiva a que o consumidor final poida ter as patacas de Xinzo directamente na súa casa en vintecatro horas."

Polo de agora son a única empresa da Limia que comercializa as patacas deste xeito. Din que non teñen presa e que o importante é que os pedidos, que empaquetan eles mesmos, vaian saíndo de a pouco. Das leiras de Piñeira Seca directamente á súa cociña.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí