CRTVG

Buscar

Unha empresa de Silleda saca un modelo sostible de árbores de Nadal

Publicado o 06/12/2020 15:00

Cada ano en España despois das festas uns dous millóns de árbores de Nadal van parar ao lixo, por iso unha empresa de Silleda suxire que este ano decoremos a casa cunha árbore máis sostible e un tanto diferente ás que estamos acostumados.

A empresa de Deseño e Impresión Arlit, que así se chama, propón non cortar piñeiros nin mercar os de plástico e saca un modelo de cartón reciclable.

Nin árbores de Nadal naturais, nin de plástico... nesta empresa gráfica de Silleda, comprometida coa produción sostible, ofrecen unha alternativa máis ecolóxica.

Felipe Iglesias, socio e adxunto á dirección de Arlit Deseño e Impresión: "Son de cartón, algún pensará, 'isto tamén se fai cortando árbores', pero si que nos aseguramos de que os nosos provedores de cartón teñan o certificado FSC que nos indica que están feitos de maneira sostible".

Ao remate das festas, en España máis de dous millóns de árbores van parar ao lixo. Os que están feitos con derivados do petróleo poden tardar ata 500 anos en degradarse e deixan unha pegada de carbono, que xera a súa transformación en residuo, once veces maior que a orixinada no mesmo proceso dun piñeiro natural. De aí que nesta empresa busquen compatibilizar a súa produción co coidado do medio ambiente.

"Sempre estamos propoñendo aos nosos clientes que utilicen materias que son sostibles, materiais reciclados, intentando escapar dos materiais que non son favorables co medio".

Aquí deseñan os modelos e fan a súa impresión gráfica. Despois recórtanse as pezas e finalmente móntanse.

"Son dez modelos diferentes en dous tamaños: de 1,30 e 1,80. Deixamos dous en branco pensando en que os nenos o decorasen como unha actividade en familia, unha actividade máis do Nadal e unha maneira diferente de decorar a árbore, para que eles as pinten".

Os modelos tamén se poden personalizar encargándolles un deseño propio.

Alejandro Domato, socio e xerente de Arlit Deseño e Impresión: "A partir de 23 euros pódense mercar na nosa web nocortespinos.com e enviámolos en 48 horas a calquera punto de España".

Pois así de sinxelo podemos ter unha árbore de Nadal reutilizable, moi diferente ás que xa coñecemos e sobre todo máis respectuosa co planeta.

Noticias web

06/12/2020