CRTVG

Buscar

Unha empresa de cobro de morosos denuncia a agresión de dous dos seus traballadores

Publicado o 29/07/2020 14:01

Ameazas, insultos e agresións. É o que denunciaron dous traballadores dunha empresa de cobro de morosos.

Gravaron unha impactante secuencia que, segundo aseguran, tivo lugar en Silleda, onde acudiran para reclamar unha débeda, e acabaron a puñadas con eles.

As imaxes, difundidas pola compañía "La Funeraria del Cobro", amosan en primeiro lugar como unha furgoneta persegue aos cobradores pola estrada, executando adiantamentos perigosos e poñendo a marcha atrás, mentres o condutor tenta evitala.

"Os nosos traballadores conseguiron despistalo, pararon despois e foi cando chegou o debedor e lles bateu coa furgoneta no coche. Despois apareceu unha señora que parecer ser a súa muller e comezo a pegalle patadas ao coche, rebentando os espellos, rebentando os focos, arrancou a matrícula. Despois él cunha chave de parafusos grande comezou a golpear os cristais ameazando que os ía matar, que lles ía cortar o pescozo", di Rubén Quintás, voceiro de La Funeraria del Cobro.

"Conseguiron saír de alí os nosos, atoparon unha patrulla de Tráfico e pedíronlles axuda. E unha vez que estaban cos dous axentes de Tráfico, chegou a parella esta e a lapotes cos nosos traballadores diante da patrulla", engade.

Trataríase, segundo as explicacións facilitadas pola empresa, dunha parella de debedores que esnaquizaron o vehículo da firma empregando a forza e axudándose de ferramentas como unha chave de parafusos, mentres os ameazaban de morte e insultaban.

"Fisicamente teñen potes, problemas nas cervicais, pero o peor é o tema psicolóxico. Están con ansiedade, con medo, porque ao fin son persoas normais e chegan a casa despois do acontecido están asustados. Cun falei eu e cústalle durmir", declara Quintás.

A compañía di que xa presentou unha denuncia formal e tamén un parte de lesións que se produciron, principalmente, cando detiveron o seu vehículo e os presuntos agresores chocaron na parte traseira do coche causandolles lesións aos traballadores no pescozo.

Un dos traballadores aínda está de baixa.

Noticias web

29/07/2020