CRTVG

Buscar

Unha empresa de carne de vacún de Bóveda asegura ter os mellores chuletóns de Europa

Publicado o 17/07/2019 14:55

Unha empresa de Bóveda obtivo dúas medallas de ouro e dúas de prata no concurso en que se escollen as mellores pezas de carne de vacún de toda Europa. Dous lombos altos, un baixo e un solombo foron os cortes galardoados. A carne procede de dúas vacas de máis de oito anos de idade, unha frisoa e outra resultado dun cruzamento. Os responsables da empresa sinalan que o premio se acadou grazas, sobre todo, ao traballo dos criadores.

Pezas de carne de vaca como estas foron as premiadas no Steak Challenge, o concurso máis importante de cantos se celebran en Europa, que tivo lugar en Dublín. A cárnica de Bóveda que as levou a concurso acadou dúas medallas de ouro e dúas de prata con dous lombos altos, un baixo e un solombo. A carne procedía de dúas vacas criadas en pastos e cortellos da provincia de Lugo, unha frisoa pura e outra resultado dun cruzamento de razas. Un dos animais tiña oito anos de idade e o outro chegou aos dez. Para conseguir esta alta calidade inflúen numerosos factores como a xenética, a alimentación, o manexo e a conservación da carne.

"Para nós é un premio moi importante porque se recoñece o traballo que fan os gandeiros e que dá como resultado unha carne excelente", di o xerente da empresa.

Na empresa sacrifican anualmente arredor de 250 vacas adultas e uns 60 bois, é dicir, están especializados no chamado vacún vello. Como eles din, os protagonistas deste premio son, ademais das vacas, os gandeiros que alimentan os animais durante un mínimo de cinco anos a base de herba e cereais e pasando a meirande parte do tempo no prado. A carne consérvase nestas cámaras frigoríficas por espazo de entre 40 e 80 días a unha temperatura de 2 graos. Así alcanza o nivel de maduración polo que foron premiados.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/07/2019