CRTVG

Buscar

Unha empresa da Coruña comercializa caixas de correos "intelixentes"

Publicado o 16/04/2019 16:01

Unha empresa da Coruña comercializa caixas de correos "intelixentes" para que os envíos cheguen a destino ao primeiro intento, aínda que os receptores non estean na casa. Xa levan instalados 30 aparellos deste tipo e agora pretenden afianzar a súa relación comercial coas empresas de mensaxería.

Unha cuarta parte dos pedidos das empresas de mensaxería non pode ser entregada no primeiro intento, ante a ausencia dos destinatarios. Unha experiencia persoal dese tipo levou a tres mozos emprendedores a desenvolver unha idea para paliar esas entregas frustradas, e deseñaron unha caixa de correo que suplira a recollida en man. 

Javier Nogueira, emprendedor: "Desenvolvemos un método moi sinxelo para que calquera repartidor poida entregar na caixa de correo electrónica de forma confiable e segura".

A través dunha aplicación móbil, o repartidor deberá teclear na caixa de correo, que funciona con baterías, un código que abrirá as portas para depositar o envío. Durante o ano pasado instalaron un total de 30 receptáculos en que se fixeron 200 entregas. 

José Antonio Fraga, emprendedor: "Focalizámonos en vivendas unifamiliares, en vilas de menos de 10.000 habitantes que tamén mercan por Internet".

Acaban de sacar ao mercado a segunda remesa de caixas de correo e buscan consolidar sinerxías coas empresas loxísticas de repartición.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/04/2019