CRTVG

Buscar

Unha empresa compostelá dispón de equipos aptos para almacenar as vacinas de Pfizer a baixas temperaturas

Publicado o 17/11/2020 13:43

Na apertada carreira das farmacéuticas por lograr a vacina contra a covid-19, dúas son as que publicaron efectividades superiores ao 90%: Moderna e Pfizer. As dúas vacinas son sintéticas e usan a mesma tecnoloxía, a ARN, que fai que o noso propio organismo produza o antíxeno fronte ao virus. Ambas están na terceira fase do ensaio clínico, previa á autorización definitiva polas autoridades sanitarias. Por iso a comunidade científica se amosa optimista, pero apela á prudencia.

Malia que será unha vacina innovadora, os expertos confían en que non terá efectos secundarios graves. Respecto da duración da inmunidade, din que é difícil prevela porque será a primeira con esta tecnoloxía e non con patóxenos atenuados ou virus mortos.

Un dos principais desafíos para os laboratorios é a distribución e conservación das vacinas. O problema da de Pfizer é que ten que conservarse a 80 graos baixo cero. Para Galicia non suporía un problema. Unha empresa compostelá, Biorepos, dispón de ultraconxeladores con capacidade para almacenar máis de 10 millóns de doses nas 3 sedes que ten en Santiago, Hernani e Madrid. Tamén dispón de equipos portátiles para transportar as vacinas en condicións óptimas.

Biorepos podería incrementar a súa capacidade de almacenamento ata os 30 millóns de doses.

Noticias web

17/11/2020