CRTVG

Buscar

Unha empresa galega de drons especialízase en retirar niños de 'velutina' que están a moita altura

Publicado o 09/09/2019 12:50

Os niños de velutina invaden todo o territorio galego e sitúanse en lugares aos que só se pode acceder voando. Unha empresa galega de drons especializouse en matar colmeas situadas a grande altura. Eliminou máis de douscentos niños este ano. Hoxe vemos como actúan.

O primeiro paso é localizar o niño, que non é doado, malia que abundan. Este, situado na Arnoia, preto dunha adega, atopárono por casualidade.

A case trinta metros de altura, o niño só pode ser atacado mediante medios aéreos. Aí é onde actúa esta empresa con sede en Lalín.

Unha cánula de máis dun metro de longo incorporada ao dron é a arma letal contra as velutinas. O aparello porta un envase con cinco litros de veleno que se inocula no niño.

Un mando para o dron e outro para a carga. O labro require sincronía total. E non é doado acertar á primeira, tendo en conta que hai que sortear as pólas da árbore, ao tempo que cómpre meter o produto no lugar exacto.

A presenza do niño supón unha preocupación para a veciñanza, sobre todo cando está a punto de comezar a época de vendima, e ás velutinas gústalles ir ás uvas.

En menos de dez minutos o dron fixo o traballo. Os efectos son inmediatos. En dous días a colmea morre por completo. Esta empresa leva eliminados máis de douscentos niños no que vai de ano. Dada a imparable expansión da avespa asiática o seu negocio seguro que medrará no futuro.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/09/2019