CRTVG

Buscar

Unha ducia de vivendas en Verducido está sen teléfono e sen Internet desde decembro

Publicado o 08/01/2019 14:21

Tres semanas levan sen liña telefónica varias vivendas da parroquia pontevedresa de Verducido. O 19 de decembro, unha tronada estragou varias liñas; algunhas fóronse reparando, pero o servizo aínda non se restableceu por completo. Tampouco na parroquia lindeira de Santa María de Xeve.

"Máis de 15 persoas seguen sen ter conexión a Internet nin liña telefónica. Hai casos de persoas maiores que están soas e non poden chamar se teñen algunha necesidade".

Un dos afectados é Suso, que está indignado pola falta de atención da compañía telefónica.

"Que meta o escarvadentes no router, a ver se funciona ou non funciona. É un desastre, estamos pagando e non sei porqué".

"(Din) Estamos reparando a súa avaría pero sen máis explicación. Estando a oito quilómetros dunha capital de provincia, que teñamos estes problemas, mesmo de conexión a Internet, que nos chega menos de 1 mega, xa nos parece irrisorio".

Ante a falta de resposta, recorreron á Subdelegación do Goberno e van presentar unha denuncia por medio da asociación de consumidores.

"O que queremos é que se resolva o problema canto antes, que non lles cobren o tempo que levan sen servizo, e o que imos solicitar xa é a instalación de fibra óptica porque hai moitos problemas de conexión a Internet".

A pesar de estar rodeados de cables por todas partes, séntense incomunicados.

Noticias web

08/01/2019