CRTVG

Buscar

Dezaseis detidos nunha operación antidroga na Coruña, Ferrol e Sada

Publicado o 04/03/2020 10:24

Dezaseis persoas foron detidas esta mañá pola Policía Nacional nunha operación contra o tráfico de droga desenvolvida simultaneamente na Coruña, Ferrol e Sada, segundo informan fontes policiais.

O maior despregamento desenvolveuse na capital herculina, onde esta operación, denominada Luna, comezou ás 8:00 horas desta mañá no barrio de Monelos, fronte á igrexa de Oza, e outros puntos da Coruña vinculados co narcotráfico.

Decenas de furgóns, cans policía e axentes de paisano interviñeron no operativo, que concluíu con doce detidos na Coruña, dous en Ferrol e outros dous en Sada.

A Policía Nacional efectuou oito rexistros, seis na Coruña, un en Ferrol e outro en Sada, onde se interviñeron armas e cocaína.

Polo momento, o xuíz decretou o segredo das actuacións desta operación, que está xa pechada.