CRTVG

Buscar

Unha cooperante galega denuncia vexacións da policía serbia na localidade de Šid

Publicado o 21/02/2019 19:05

• A carballesa Sofía Caamaño foi detida xunto a outros sete integrantes dunha ONG que traballa con refuxiados afgáns

 

Unha cooperante galega denuncia vexacións da policía serbia na localidade de Šid

Unha cooperante galega da ONG No Name Kitchen denuncia o trato vexatorio ao que foi sometida xunto con outros compañeiros da súa organización por parte da policía serbia. En conversa con crtvg.gal, Sofía Caamaño conta que os meteron nun furgón policial "a empuxóns".

"Ás rapazas -conta esta carballesa- fixéronnos espir nun cuarto á parte sen ningunha explicación". Sofía conta que a unha das súas compañeiras ademais os axentes chegaron a tirala ao chan. "Tivéronnos sen comer nin beber durante horas", relata. Tamén asegura que lles requisaron todo o material humanitario.

Nesta operación, a policía serbia tamén detivo arredor de medio cento de inmigrantes afgáns. "Case todos mostran sinais de violencia", denuncia Sofía.

A ONG No Name kitchen dedicábase a atendelos nunha fábrica abandonada. Agora, algúns deses inmigrantes están en "campos oficiais". Outros vagan por un lugar chamado "a xungla", un monte a onde os cooperantes non poden continuar co seu traballo habitual de repartición de alimentos.   

No Name Kitchen (NNK) é unha ONG integrada por voluntarios de diferentes países. Traballa na localidade de Šid (Serbia), a cinco quilómetros da fronteira con Croacia, onde se produciron os incidentes que denuncia Sofía Caamaño.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/02/2019