Unha confeitería de Pontevedra doa a recadación do sábado aos afectados polo volcán da Palma
"Hoxe vin a Pontevedra e o outro día escoiteino na radio e se podo deixar algo", comenta unha clienta a Menchu Collado, propietaria dunha confeitería de Pontevedra. "Nós encantados, pero estas cousas teñen un protocolo e cando pasa o día non estamos autorizados a recoller máis diñeiro. Se nos dan autorización eu encantada da vida de recoller donativos e ingresalos na conta", explícalle.
Menchu é a propietaria dunha pastelería de Pontevedra. E esta é a resposta que leva repetindo a moitos clientes dende que este sábado doou todo o recadado aos afectados polo volcán da Palma. Case 6.400 euros en 5 horas.
A idea ocorréuselle á súa filla, explica, e engade: por que non colaborar coa xente de Pontevedra que sabemos que é moi solidaria?, e así o demostrou. Por que non publicar en redes o día solidario para A Palma e ver que resposta ten a xente? E a resposta foi brutal. "Colgamos o mércores arredor das oito da tarde e ás dez o teléfono cheo de chamadas de xente que quería encargar", indica.
Os veciños da zona aplauden este tipo de iniciativas para tentar axudar os que máis o precisan. Coa chamada en redes sociais, a solidariedade da xente non se fixo agardar e as ringleiras de clientes sucedéronse ao longo de toda a mañá do sábado.
Para Miguel, o pasteleiro, foi unha marabilla e explica que se normalmente un sábado fan 1.800 euros ou 2.000 de caixa, o sábado fixéronse 6.300 euros. E aí está a proba realmente da solidariedade da xente.
A isto engade Menchu que ese día fixéronse moitos pasteis, moitas empanadas, moita torta de amorodos. Explica que venderon todo e incluso houbo xente anónima que non quixo mercar e deixou o donativo.
Moitas horas de traballo e moito cansazo para as oito persoas que forman parte do equipo, pero que pagaron a pena para brindarlles a oportunidade a todas as familias afectadas polo volcán Cumbre Vieja de poder comezar de novo.