CRTVG

Buscar

Unha condutora de autobuses acusa a súa empresa de acoso laboral continuado durante máis dunha década

Publicado o 27/01/2020 20:03

Quedou visto para sentenza o xuízo en que unha condutora de autobuses de Santiago acusa a súa empresa de acoso laboral continuado durante máis dunha década. Tras múltiples sentenzas favorables na xurisdición laboral, agora fai a acusación pola vía penal.  

O propietario de Hedegasa, empresa responsable de Autobuses Calo, e a súa filla, asesora xurídica da compañía, sentaron no banco como presuntos responsables da vulneración de dereitos laborais dunha traballadora. A acusación particular pide para eles dous anos de prisión e unha indemnización de cen mil euros.  A condutora ten un longo historial previo de contenciosos coa empresa nos xulgados do social desde que no ano 2006 pediu a redución de xornada por maternidade. 

"E agora agardamos que na vía penal se demostre que os responsables da empresa son os responsables directos de toda esa sucesión de feitos", di Ignacio Pavón, responsable de Transportes da CIG na comarca de Santiago. 

Desde o sindicato insisten no aval que supoñen as sentenzas favorables na vía social, como a que contravén por segunda vez o despedimento da traballadora e está pendente de execución. 

"Neste momento está no seu domicilio cobrando pero sen traballar, porque a empresa non a quere readmitir; non lle quere dar traballo efectivo unha vez máis"asegura Ignacio Pavón. 

A Fiscalía pediu o sobresemento da causa por non considerar probada a acusación en termos penais.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/01/2020