CRTVG

Buscar

Cae por un desnivel de sete metros en Cotobade e ela mesma chama a emerxencias

Publicado o 24/09/2019 16:24

Gran susto o que levou unha condutora na estrada que une Cotobade con Pontevedra. Saíu da vía e caeu co seu turismo por un desnivel duns sete metros. O coche quedou envorcado, pero a vítima puido chamar as emerxencias e a súa familia para pedir axuda. Non abandonou o coche ata que a localizou unha patrulla da Policía Nacional. Saíu ilesa pero di que volveu a nacer.

Sucedeu nesta estrada provincial que une os concellos de Cotobade e Pontevedra. A condutora dun turismo que circulaba en sentido descendente perdeu o control nunha curva e caeu por un desnivel duns sete metros.

O coche envorcou e detívose ao impactar contra unha árbore. O turismo non podía verse dende a estrada e a súa ocupante foi quen de chamar por teléfono a súa familia e a emerxencias para pedir axuda e indicar a súa localización. Decidiu non moverse e non quitar o cinto por seguridade xa que non era consciente da altura á que se atopaba.

O primeiro en chegar ao punto do sinistro foi o pai da vítima. Foi el quen lle indicou a unha patrulla da Policía Nacional que xa buscaba o coche na zona o lugar onde se atopaba a súa filla. Os axentes axudaron a muller que puido saír polo seu propio pé do vehículo unha vez verificaron que era seguro facelo. Afortunadamente todo quedou nun bo susto e Carmen saíu ilesa. Agarda que se tomen medidas porque non é a primeira vez que se produce un accidente similar na zona.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/09/2019