Unha coada ameaza o centro da Laguna e a outra está a piques de chegar ao mar
Nestes momentos hai dúas coadas que preocupan: unha, a bautizada pola UME como número oito, ameaza o centro do barrio de La Laguna, está a 150 metros dunha gasolineira.
Existe a posibilidade, que é o desexable, de que ese ramal da coada acabe por unirse á chamada sete, a que se dirixe a cinco metros por hora cara á costa. A chegada ao mar suporía o confinamento preventivo de catro barrios e do núcleo de Tazacorte para evitar os efectos do choque térmico.
Polo demais, as emisións de dióxido de xofre inda seguen sendo moi altas, e con iso resulta imposible saber cando rematará a erupción dun volcán aínda sen nome.
Mentres observan como a natureza destrúe parte da súa illa, moitos palmeiros botan man da fe para pedir que cese a erupción. A Virxe do Pino saíu en procesión da ermida do Parque Nacional da Caldeira de Taburiente.
A do Cumbre Vieja é unha das erupcións máis monitorizadas do mundo: o volcán xa emitiu 100 millóns de metros cúbicos de lava que cubriron 800 hectáreas da illa, case o dobre das sepultadas na erupción do Charco en 1712.