CRTVG

Buscar

Unha clínica veterinaria de Lugo ofrece piscina e sala de rehabilitación para os animais

Publicado o 10/04/2018 21:42

Piscina con jacuzzi e spa, sala de reunións con videoconferencia ou o último en masaxes e fisioterapia. Non falamos dun hotel de luxo, senón dunha clínica veterinaria de Lugo que acaba de abrir as súas portas. A súa filosofía é a de dar o mellor servizo aos animais para facer o máis levadío posible o tempo que están hospitalizados.

A piscina iacuzzi desta clínica de Lugo xa está lista para recibir os seus primeiros pacientes. Pero non serán persoas senón cans. Os responsables do centro veterinario decidiron poñer en marcha este servizo ante a demanda dos clientes dun espazo no que os animais puideran recibir tratamentos de rehabilitación para as súas doenzas óseas ou musculares e tamén no que desfrutar da auga dunha forma lúdica e sen riscos. Ademais, a propia composición da auga é a máis axeitada para os cans.

A clínica conta tamén con esta sala na que os donos dos animais poden visitar as súas mascotas cando están en tratamento ou en fase postoperatoria. E mesmo é posible velos dende calquera punto mediante esta cámara conectada a Internet. A sala de escaner ou a de aparellos para rehabilitación son outras das novidades que esta clínica trae a Lugo. E é que, como recoñecen os responsables, os donos de animais domésticos reclaman e están dispostos a pagar cada vez máis por un servizo altamente profesionalizado.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/04/2018