CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía

Unha chea de actividades para homenaxear a María Victoria Moreno na programación das Letras Galegas

Publicado o 14/03/2018 15:28

Esta mañá presentouse a programación institucional das Letras Galegas, un conxunto de iniciativas que porán en valor a figura e a obra de María Victoria Moreno, como pioneira da literatura infantil e xuvenil. As actividades previstas, entre as que destacamos a programación especial desta casa, servirán tamén para reivindicar o papel dos docentes coma ela comprometidos coa lingua galega.


A Festa das Letras Galegas deste ano incidirá no papel pioneiro de María Victoria Moreno como creadora de literatura para os máis pequenos. É na infancia cando se adquire o hábito lector, e iso sabíao ben ela pola súa profesión docente.
A homenaxe atenderá, pois, non só ao seu legado literario, senón tamén á súa militancia na lingua desde a aula.

Exposicións, certames escolares, accións formativas, música ou mesmo deporte forman parte dos actos previstos en memoria desta estremeña de nacemento e galega de elección. A programación terá tamén un lugar destacado nos medios públicos galegos, con microespazos, reseñas literarias, unha canle específica no portal web e unha biografía.

As actividades xa comezaron en centros de ensino e bibliotecas, e estenderanse durante todo o ano máis aló do 17 de maio.