CRTVG

Buscar

Unha cea nun centro de FP de Santiago para acabar cos machismos no día a día

Publicado o 19/03/2019 20:16

A loita pola igualdade entre homes e mulleres non é cousa dun día. Tirar abaixo dinámicas e estereotipos aceptados socialmente durante moito tempo é un traballo diario. E hai quen o fai dun xeito didáctico, entretido e creativo. Atendan a esta cea que nos prepararon nun centro de FP de Santiago.

"É hora de identificar as relacións de xénero de poder e eliminalas de raíz".

Reflexións coma esta fixemos os comensais dunha cea que quere, si ou si, acabar cos machismos en situacións cotiás. Machismos tamén cotiás que ás veces pasan desapercibidos.

A esta parella moléstalle estoutra parella, unha é homosexual a outra heterosexual. Unha delas non actúa desde o respecto.

Que pensará este camareiro ante os insistentes piropos de "guapo" desta comensal? Se cadra, molesta. Habitualmente a situación dáse ao revés. Tamén adoita ser o home o que exerce o control sobre a muller á hora da intimidade nas redes sociais. Exemplos todos que se elixiron para esta cea reivindicativa.

Os que falan e interpretan son actores ou alumnos do Centro de Formación Compostela, organizadores dunha actividade que leva á ficción unha situación tan real como preocupante.

Na cea tamén se presentou un viño con nome de muller, Lola, algo, pensen, bastante excepcional que nos quere facer brindar pero que convida tamén á reflexión para a sobremesa.















 

Noticias web

19/03/2019