CRTVG

Buscar

Unha carta reforza a tese terrorista no ataque en Utrecht

Publicado o 19/03/2019 17:41

En Utrecht, Holanda, cada vez cobra máis forza a motivación terrorista sobre o ataque con disparos que, presuntamente, levou a cabo un home, xa detido, orixinario de Turquía de 37 anos. A investigación continua en Holanda, mentres, en Bruxelas saltou a alarma hai un par de horas tamén.

Foi, afortunadamente, unha falsa alarma. Un aviso de bomba no barrio europeo, onde están o edificio da Comisión e do Consello, levaba á policía e bombeiros a desaloxar varios edificios. En pouco tempo a presenza dun posible explosivo quedou anulada. Pero sí que se están extremando as precaucións e a vixilancia en toda Europa despois do tiroteo De onte en Utrecht, a menos de 200 quilómetros de Bruxelas, sobre todo despois de que a hipótese terrorista cobre máis forza.

Continúan os interrogatorios en Utrecht, no centro de Holanda, aos tres detidos ata o momento e os investigadores non atopan relación ningunha entre o presunto atacante, un home de orixe tunecino de 37 anos e as vítimas ás que disparou no tranvía no centro da cidade. Hoxe sabemos que os asasinados son dous homes, de 28 e 49 anos, e unha muller de 19.

Hai varios feridos aínda, algúns graves. Que, presuntamente o atacante non coñecera ás vítimas reforza a hipótese de que a motivación fose terrorista. Unha carta atopada polos investigadores no coche do presunto atacante daríalle máis forza a esa causa.

Desde a contorna do principal sospeitoso, familiares e amigos comentan que o home era pouco estable psicoloxicamente, que tiña problemas psiquiátricos. O detido, Gökmen Tanis, fora arrestado xa noutras ocasións. Hai unhas semanas declarou diante da xustiza por roubo, atraco nunha tenda e por violación. A investigación segue aberta e non se desbotan novas detencións vencelladas co asunto.




 

Noticias web

19/03/2019