CRTVG

Buscar

Unha cafetería da Coruña, vítima de dous roubos na mesma semana

Publicado o 09/10/2021 21:34

Un café da Coruña sufriu dous roubos en pouco máis de corenta e oito horas, o último esta madrugada. A propietaria sospeita que os autores son os mesmos porque repetiron o modus operandi: accederon forzando cunha panca a entrada principal e foron directamente á caixa rexistradora. 

O xoves pasado a propietaria do local dábanos os detalles do primeiro roubo da semana. Dous ladróns accederan ao interior forzando a porta principal e en menos de tres minutos fuxiran coa caixa rexistradora e cos mil euros que gardaba.

Mercaron un novo modelo de caixa, máis seguro, pensando en que, se os asaltantes volvían, non poderían abrila nin tampouco sacala do local. Regresaron dous días despois e repetiron os seus movementos, pero a alarma saltou e a policía chegou de contado.

Os axentes revisaron o negocio, non viron ninguén e marcharon para buscar os ladróns nos arredores. Non deron con eles porque seguían na cafetería, agachados na cociña. Jessica e o seu sogro avaliaban os danos cando finalmente saíron para intentar escapar.

Na fuxida, os dous homes golpeáronos coa panca que utilizaran para forzar a entrada. As lesións non son graves, pero a preocupación é enorme porque os dous ladróns seguen libres e temen que regresen de novo.

Noticias web

09/10/2021