CRTVG

Buscar

Noa, unha cadela escolta que defende a súa dona fronte ao maltrato físico e verbal

Publicado o 29/09/2020 14:50

Levan sete meses xuntas e queren converterse en inseparables. Estefanía elixiu a Noa para defendela dos ataques verbais e físicos que padeceu durante tres anos por parte da súa ex-parella. Unha situación que denunciou e da que intenta saír coa axuda deste animal.

A Noa quédanlle dous meses de formación para converterse nun can asistencial. Está preparada para disuadir e mesmo repeler un ataque físico e verbal.

Con todo, Estefanía denuncia que de momento non pode entrar con ela en comercios, supermercados e mesmo no autobús urbano. Pide ás administracións unha autorización similar á dos cans guía. De feito, xa iniciou unha recollida de sinaturas en change.org.

Quere facelo por ela mesma, pero sobre todo por todas as mulleres que pasaron por unha situación similar á súa. Noa mudou a súa vida e agora camiñan xuntas con paso firme e sen mirar atrás.

Noticias web

29/09/2020