CRTVG

Buscar

Unha banda de narcos de Carballo senta no banco dos acusados na Coruña

Publicado o 23/04/2019 14:12

Os acusados recoñecen os feitos polo que eran investigados e confórmanse coas penas que, tras chegar as partes a un acordo, solicita a Fiscalía.

Manuel Ferreiro, avogado da defensa: "Son dous clans familiares que, segundo a Fiscalía, no 2015, dedicábanse a traficar con drogas na zona de Carballo e Coristanco. Foron obxecto de vixilancias por parte da Garda Civil de Carballo e intervencións telefónicas. Foron detidos dous membros de cada clan e tamén outros dous individuos que subministraban heroína en grandes cantidades a estes asentamentos. Foron detidos en novembro de 2015 con 3-4 quilos de heroína".

O Ministerio Público pedía para eles penas de entre seis e trece anos e medio de cadea por pertenza a grupo criminal para cinco deles e contra a saúde pública aos sete. Porén unha das acusadas estaba tamén investigada por tenza ilícita de armas e atentado.

Tras intensas negociacións, finalmente, as defensas e a Fiscalía chegaron a un acordo e as penas rebaixáronse por toxicomanía e dilacións indebidas, oscilando entre os dous anos e dez meses e os seis anos e nove meses de prisión.

Manuel Ferreiro, avogado da defensa: "O tráfico de drogas sepárase en dous grupos, aqueles que se dedicaban ao menudeo, unha pena de tres anos, con excepción dunha acusada que é reincidente, polo tanto, catro anos e medio. E outros dous acusados que eran os que levaban a heroína en grandes cantidades aceptaron penas de cinco e cinco anos e medio. Amais unha das acusadas tamén por tenza ilícita de armas e atentado porque cando rexistraron a súa vivenda enfrontouse cunha pistola á Garda Civil, encanonounos e ameazounos".

Ela foi a que aceptou a pena maior, un total de seis anos e nove meses de cadea.
A sentenza foi declarada firme.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/04/2019