Unha avioneta amara de emerxencia preto da costa en Gran Canaria sen feridos
Unha avioneta fai unha amaraxe de emerxencia a poucos metros da costa en Gran Canaria sen causar feridos. Os dous ocupantes da aeronave quedaron ilesos pero cun bo susto no corpo.
É o momento no que un dos ocupantes se tira á auga para salvar a vida logo da amaraxe da avioneta a uns vinte metros da costa, en Gran Canaria. Unha avaría no motor obrigaba á aeronave a realizar unha aterraxe de emerxencia. A habildade do piloto na manobra puido evitar unha traxedia.
Os dous homes que ían a bordo, lograron chegar a nado á praia sans e salvos. Os veciños do lugar foron os primeiros en auxilialos.
"Saíron polo seu propio pé. Estaban moi nerviosos, evidentemente, atendémolos como puidemos entre varias persoas aquí do barrio".
"Eles estaban asustados pero a verdade que o souberon levar dunha maneira moi boa e levárono moi ben todo".
Un helicóptero do Grupo de Emerxecia e Salvamento acudiu ao lugar para localizar posibles restos do aparello que puideran quedar á deriva pero a propia forza das ondas axudou a aproximar a avioneta á beira.
"É unha zona de bastantes rocas e a verdade é que aterraron con sorte de que non pasara algo peor".
Horas despois do incidente un guindastre de gran dimensións lograba retirar o aparello da praia. No lugar do impacto, non se observou contaminación mariña e por sorte todo quedou nun susto.