CRTVG

Buscar

Unha avaría deixa sen auga unha rúa de Lugo toda a fin de semana

Publicado o 20/01/2020 13:23

A metade das vivendas da rúa Marques de Ombreiro, en Lugo, quedaron sen auga da traída durante toda a fin de semana. O motivo é a rotura dunha tubaxe da rede de abastecemento, que incluso provocou a inundación dunha das casas afectadas. Como resultado, o piso de madeira, instalado hai dous anos, ficou estragado.

"Sóame o timbre, e era un veciño. Segundo baixo, vexo que está completamente todo anegado. Pensei nun radiador, pero non podía ser tanta auga dun radiador. Dicíame o veciño que abrise porque estaba saíndo a auga por debaixo da porta. Abrín e xa vin que brotaba auga, pola avaría, ata arriba, a bastante altura".

Para abastecer os veciños, o servizo municipal de augas habilitou unha billa na vía pública, a onde os afectados tiveron que acudir con baldes. Mentres, nas súas casas acumulouse a roupa para lavar á espera de que o servizo fose restablecido ao longo desta xornada.

"Non houbo auga para nada. Nós estivemos saíndo, buscando por aí ás fontes. Hai que lavar os pratos nun caldeiro, cambiar augas e cambiar todo".

"Puxeron unha billa a 400 metros e hai que ir buscar a auga alí cun balde. Pero isto dende logo non ten moito xeito. Onde hai persoas maiores, hai que atendelas. Pero xa non é a primeira vez que pasa".

Hai dous meses, os veciños doutra rúa de Lugo viviran unha situación similar. Coma no caso de Marqués de Ombreiro, estiveran toda a fin de semana sen abastecemento debido á carencia dun servizo de urxencias na brigada municipal de augas. Dende o Concello de Lugo sinalan que estaban á espera da aprobación en firme dos orzamentos, que se produciu hai unha semana. Procederase, por tanto, a contratalo de forma inminente.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/01/2020