Unha avaría deixa casas e negocios do centro de Monforte sen teléfono nin internet durante unha semana
As principais rúas do centro de Monforte levan unha semana sen telefonía fixa nin internet. Unha avaría na rede da principal empresa subministradora deixou decenas de clientes sen servizo dende o pasado 26 de febreiro. Os máis afectados son os negocios, que en moitos casos nin sequera poden cobrar con tarxeta a través dunha TPV. "Nós levamos sobre unha semana sen internet nin liña telefónica. A nivel comercial, estanos afectando bastante, porque hoxe en día se traballa todo a través de internet. Pedidos, vendas, cobros por tarxeta...", di Raquel Castaño, dependenta.
"Non podemos cobrar con tarxeta, pois non temos liña, non podemos utilizar o teléfono para facer pedidos... Está anulado por completo.""Aos veciños que están arredor a todos lles inflúe. Andan todos preocupados preguntando uns aos outros, e fóiselles a todos. Internet hai momentos que si e outros que non. Cousa curiosa, moi raro. Pero isto xa vén dende o xovos da semana pasada", asegura Juan Vila, comerciante.
Segundo fontes da empresa subministradora, chegáronlles avisos de 85 clientes afectados, pero poderían ser moitos máis. No caso dos particulares, incluso os hai que nin sequera poden ver a televisión nas súas casas. Con respecto aos negocios, os que quedaron ser servizo estudan reclamar compensacións polas perdas económicas ocasionadas.
"Falaremos sobre este tema, e unha solución claro que nos ten que dar. Son bastantes días para estar sen isto", explica Raquel Castaño, dependenta.
"Xa lle reclamamos á empresa telefónica non sei cantas veces e nin caso. Din que toman nota, un día e outro, e levamos así preto de quince días. E seguro que despois nolos van cobrar igual, iso está claro", di Ovidio Taboada, xoieiro.
"Chámalos e xa non che collen o teléfono. Din que non saben de que vai a cousa. O técnico vén pero non dá controlado. Non sei que pasa aí. Cousa rara, a tecnoloxía".
Esta é a segunda avaría masiva da mesma empresa que se produce en Monforte nos últimos meses. A anterior, que afectara catro concellos da Terra de Lemos, durante días deixara centos de usuarios sen servizo.