CRTVG

Buscar

Unha árbore de grandes dimensións cae polo vento no IES Castro Alobre de Vilagarcía

Publicado o 26/04/2019 13:48

María Xosé Paulos, veciña de Vilagarcía, estaba a gravar o mal tempo para llo mostrar ao seu fillo, que vive en Nova York, cando de repente...: "Eu estaba facendo o vídeo e foi impactante, quedei en estado de shock, pero xusto aí cortei a gravación e quedei un pouco así... ata que chegaron protección civil e a policía. Non vin ningún ferido nese momento".

A árbore, un chopo duns trinta anos, de dez metros de altura e un de diámetro, caeu sobre o patio do Instituto Castro Alobre, en que estudan 800 alumnos. As canas dobraron a reixa e precipitáronse sobre a porta de acceso. Debaixo quedou un coche que había no aparcadoiro, e outro que circulaba pola rúa e en que viaxaban catro persoas, ás que lles deu un bo susto pero que, afortunadamente, non sufriron danos, segundo nos aclara o director do centro, Carlos Cid: "Por sorte só había un coche, que non sufriu dano, pero o alumnado xa saíra e o profesorado tamén. Algunhas ramas caíron á estrada e un coche viuse un pouco afectado e a xente que ía dentro moi nerviosa, pero non pasou nada".

Efectivos do servizo municipal de Protección Civil retiraron as canas para despexar a rúa e máis o patio do colexio. As raíces do chopo estaban podres e suponse que, por iso, cederon á forza do vento.

"Hai dous anos ou tres pedinlle ao Concello que mirara a árbore por se había algún problema e todo estaba ben. Non entendemos como puido caer, porque as raíces, polo visto, estaban podres", adianta Carlos Cid.

No centro hai máis chopos que serán revisados por se sofren o mesmo problema.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/04/2019