CRTVG

Buscar

Unha aplicación web recolle a microtoponimia de Galicia

Publicado o 20/12/2019 14:55

A Real Academia Galega estrea unha plataforma que recolle a toponimia e a microtoponimia de Galicia e na que poden colaborar os cidadáns. A ferramenta, dispoñible en Internet, xa ten preto de 480.000 nomes de aldeas, lugares, leiras, fontes ou corredoiras.

Galicia Nomeada é a aplicación creada polo seminario de onomástica da Real Academia Galega para recuperar e protexer o patrimonio toponímico de Galicia.A web, presentada hoxe, recolle ata o de agora 478.000 nomes de lugares e microlugares, e o obxectivo é engadir, coa colaboración dos veciños, todos cantos sexan posibles, xa que, segundo a RAG, pode haber máis de dous millóns.

"Cada carreiro, cada outeiro, cada volta do camiño, cada volta do río ten un nome aquí. Todo está perfectamente identificado. Galicia é un inmenso espazo onde xa non caben máis nomes", dixo Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega. 

Ademais de recompilar unha parte fundamental da historia e da cultura da comunidade, Galicia Nomeada ten, segundo a Xunta, que colaborou na súa creación, importantes aplicacións prácticas en situacións de emerxencia.

"Que ás catro da mañá chamen dunha aldea do rural dicindo que pasa algo que require atención inmediata dos servizos de emerxencias, que dea simplemente o nome do sitio e poder indentificar onde está sen perder un minuto, que ás veces un minuto é fundamental para salvar vidas", explicou Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta.

Os cidadáns poden achegar suxestións que terán que ser validadas polos expertos da Real Academia Galega.

Noticias web

20/12/2019