CRTVG

Buscar

Unha aplicación en 3D recrea o balneario de Caldeliñas de Verín do século XIX

Publicado o 08/08/2019 20:35

Xa é posible viaxar no tempo ao balneario de Caldeliñas en Verín. Unha empresa galega creou unha aplicación virtual en 3D para recrear como era na súa época de esplendor e como funcionaba. Un espazo termal que agocha tamén lendas e historias de intriga que se poñen agora en valor.

A época de maior esplendor do balneario de Caldeliñas foi a principios de século cando Fernando Debas, fotógrafo francés da corte española, promocionou as augas de Verín e os tratamentos termais. Grazas a unha aplicación virtual en 3D feita por unha empresa galega, podemos viaxar a aqueles tempos.

Xoel Vázquez, director executivo da empresa Xoia, creadora do proxecto virtual: "Pasamos da cartelería tradicional, que é extensa pero que é dificil de ilustrar o que queremos representar, a poder ver en 3D representacións veraces para poder ver como era o balneario no século XIX, ou as salas dos distintos tratamentos, xa non temos que imaxinar o que había, se non que podemos interactuar con el e o propio espazo nos conta que está pasando".

A idea partiu do Concello, para musealizar o balneario dun xeito atractivo e didáctico. Unha experiencia de inmersión cultural que permite, ademais, aplicar novas políticas de xestión turística.

Cristina García Souto, directora de proxectos de turismo e cultura na empresa Xoia: "Tamén para a Administración que promove o proxecto porque ofrece datos interesantes e permite aplicar políticas de xestión e redistribución do fluxo de visitantes cara a outros puntos da comarca".

Un espazo termal, frecuentado polas clases altas, que agocha lendas e historias de intriga. Un proxecto ameno e didáctico para dar a coñecer o noso patrimonio da man dunha máquina do tempo virtual.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/08/2019