CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía

Unha aplicación do móbil permitiranos orientarnos no interior dos hospitais galegos

Publicado o 03/07/2015 15:23




Os hospitais grandes, coma o novo de Vigo e o Lucus Augusti convértense case en labirintos para os doentes que acoden a algunha consulta. O único remedio ata o de agora era buscar pistas nos indicadores e preguntar e volver preguntar, pero un grupo de investigadores galegos xa lle puxo remedio a esta situación. Un GPS que nos guía por dentro do hospital.

En todos os hospitais podemos atopar ducias de carteis que nos indican onde está a consulta á que nos diriximos, pero moitas veces non é suficiente para orientarse. Non queda outro remedio que preguntar en información e, se imos a outro piso, volver preguntar. Unha perda de tempo para os doentes, pero tamén para os profesionais que traballan alí.

"eu que teño familiares que traballan no hospital dinme que perden moito tempo explicando como ir ás consultas", di o creador da aplicación

Un grupo de investigadores galegos desenvolveu unha aplicación para rematar con este problema. Funciona como un gps, pero no interior dos hospitais. Non temos máis que descargala para orientarnos.

"se entramos nun gran hospital necesitamos saber onde está a consulta. Podemos abrir unha aplicación no móbil que nos explique paso a paso como chegar á consulta", cóntanos un dos creadores.

Unha tecnoloxía que xa están pensando en ampliar a outro tipo de edificios.

"Traballamos con outras empresas para desenvolver esta tecnoloxía en centros comerciais, ou en centrais nucleares, onde é preciso saber onde están os servizos de urxencia rapidamente", di o creador da aplicación.

A partir do mes de decembro xa poderemos empregar esta aplicación móbil en vinte e dous hospitais e centros médicos galegos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí