CRTVG

Buscar

Unha antropóloga galega desvela os segredos dun neno soterrado hai 78.000 anos

Publicado o 07/05/2021 16:12

Un estudo asinado pola paleoantropóloga galega María Martinón, sobre os restos dun neno enterrado en Kenya hai 78.000 anos, mereceu a portada da prestixiosa revista científica Nature.

Martinón dirixiu o equipo multidisciplinar escollido para analizar os fósiles humanos. Que os escolleran demostra, segundo a investigadora, que en España hai xente e institucións con capacidade e talento para abordar unha investigación deste calibre.

Os fósiles de Mtoto, un nome que significa 'neno' en suahili, chegaron ao Centro Nacional de Investigación da Evolución Humana en Burgos procedentes dunha cova do país africano. 

En realidade, do xacemento de Panga ya Saidi chegou en 2018 só un bloque de sedimentos, que someteron a unha delicada escavación manual e a outra virtual.

Os restos, bautizados xa como Mtoto, volveron a Kenia pasado un ano e o equipo interdisciplinar comezou daquela o traballo de interpretación da postura e do lugar en que apareceran.

Foron dous anos máis de sorpresas emocionantes e achados dos que concluíron que o neno fora soterrado hai 78.000 anos nun lugar escavado para el e que despois cubriron con terra.

A conclusión última é que Mtoto foi enterrado cun esmero que só a especie humana lles dedica aos mortos.