CRTVG

Buscar

Unha aldea modelo do Incio recuperará terras abandonadas coa cría de vacas cachenas

Publicado o 19/11/2019 20:42

O núcleo de Trascastro, no Incio, acaba de ser declarado a primeira aldea modelo na provincia de Lugo. Dentro deste proxecto da Xunta, unhas 14 hectáreas de terras abandonadas van ser acondicionadas para a cría de vacas cachenas.

O gandeiro que se ocupará da súa explotación, José Armesto, prevé poder introducir en primavera o gando, que se ocupará de manter limpo o chan e de protexer a zona dos incendios forestais.

José Armesto, gandeiro: "Unha vez entre o gando, cumpre a función de limpar e de protexer a aldea dos incendios, que aquí, por desgraza, son bastante frecuentes, e de darlle un valor engadido á aldea".

A elección da vaca cachena para ser explotada en réxime extensivo nos terreos abandonados de Trascastro non é casual. Trátase dunha raza autóctona moi resistente, polo que é ideal para este tipo de terreo e de clima.

José Armesto, gandeiro: "Eu apostei sempre pola vaca cachena para esta zona. De feito, onde están agora tamén era unha zona moi dificultosa e elas ocupáronse do 90 por cento da transformación dos terreos".

As terras que se van recuperar teñen máis dun cento de donos, que recibirán un pequeno alugueiro por parte do criador de raza cachena.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/11/2019