CRTVG

Buscar

Unha aldea de León pide incorporarse a Galicia

Publicado o 16/11/2020 13:40

Un camiño impracticable para turismos, un hórreo comunal en total abandono e uns montes que non se limpan. Son algúns dos motivos que levaron os 16 habitantes de Fuente de Oliva, no municipio leonés de Balboa, a iniciar os trámites para pertencer ao concello de Cervantes, en Lugo. 

Na aldea tentaron poñer en marcha proxectos empresariais vencellados ao turismo, pero non puideron arrincar polo mal estado das infraestruturas. Saben que pode ser un proceso longo, pero a súa vontade de incorporarse a Galicia é firme. 

"Eramos todos un"

"Decidimos que esta era a medida máis axeitada. A fronteira pasa por aquí arriba e do outro lado están todas as pistas arranxadas e todo rozado. Así que demos o paso de volver a Galicia", di Fernando Cerezales, veciño de Fuente de Oliva.

"Eramos todos un. A nosa feira era a de Pedrafita e as festas, as de Galicia. Os costumes, a fala... todo é de Galicia", explica Pepe Núñez, outro veciño.

Os fornos do pan, os hórreos, as vacas rubias ou a fala dos veciños fan que en Fuente de Oliva se teña a sensación de estar en territorio galego. De feito, a maioría de relacións comerciais e familiares téñenas en Cervantes e Pedrafita. Por iso cren que o paso a Galicia só ratificaría o que xa é unha realidade.

"Xa vedes polo camiño que esto é como Deva ou Piornedo. Falamos igual, pensamos igual e temos máis contacto que con xente de Astorga". "A contorna e a paisaxe son galegas. E os costumes e tradicións. Non temos nada que ver con Valladolid. E con Castela temos moi pouco".

A modo de queixa polo mal estado das pistas, os veciños colocaron letreiros cargados de algo tan galego como a retranca.

Noticias web

16/11/2020