Unha adega da Ribeira Sacra recrea a vendima durante o imperio romano
As máis das adegas na Ribeira Sacra están estes días intentando apurar a vendima para escaparlle á auga e conseguir unha boa recollida. Pero hai unha adega en Doade que este ano está facendo unha colleita moi senlleira, cunha recreación histórica das vendimas que se facían durante o imperio romano.
Quen visite esta fin de semana a adega atopará nas súas instalacións un campamento de lexionarios recreando como debía ser na época do imperio romano unha vendima nesta zona de viticultura heroica.
"Para facer esta recreación, os instrumentos que empregan están feitos remedando os orixinais, como estes torcularios", explica Iván Gómez, director xeral de Regina Viarum. "Tras esta escenografía hai un traballo de documentación e tamén está o labor dos lexionarios da Cohors Terza Lucensium, unha asociación cultural de recreación histórica", asegura Miguel Alvelo, presidente deste colectivo.
O domingo continúan as actividades abertas ao público onde a xente poderá aprender nocións básicas para vendimar ou participar nunha pisa tradicional de uva.