Unanimidade na Cámara para pedirlle á Xunta e ao Goberno medidas para unha maior estabilidade laboral na sanidade

Os tres grupos con representación na Cámara acordaron este martes pedir á Xunta e ao Goberno central unha serie de medidas encamiñadas a lograr unha maior estabilidade laboral no sistema sanitario Galicia. Entre os asuntos aprobados con motivo dunha iniciativa defendida polo portavoz de Sanidade do PSdeG, Julio Torrado, está a posta en marcha de accións que permitan a eliminación da taxa de reposición por parte do Estado e comprometer un programa de contratación para o Sergas que recupere, nun prazo de tres anos, todas as vacantes que non puideron ser convocadas por esa limitación.
Ademais, insta a Xunta a convocar todas as prazas MIR habilitadas en especialidades deficitarias, para o que se empraza o Ministerio de Sanidade a axilizar a acreditación das unidades docentes. Ademais, entre outras cuestións, empraza a Administración autonómica a ampliar o tempo medio de contratación do persoal eventual ata o máximo posible, a realizar un informe sobre as necesidades de contratación, así como a estudar coa Facultade de Medicina da USC a posible necesidade de formar máis estudantes nos próximos anos.
Na defensa da iniciativa, Julio Torrado asegurou que o Sergas se converteu "na peor ETT de Galicia", ao situar a temporalidade nun "30 por cento", cifra que se eleva ao "40% no caso da enfermaría". Na súa intervención, o parlamentario sostivo que o Sergas conta na actualidade con 1.162 profesionais contratados menos dos que tiña en 2009, "evidenciando un problema grave de déficit e precariedade laboral".
O deputado socialista asegurou que as "elevadas taxas de eventualidade na sanidade pública" responden a un problema de "vontade política" e denunciou que a política da Xunta obriga os profesionais a "cambiar día a día de servizos", con contratos temporais que impiden que os traballadores saiban onde e por canto tempo serán contratados.
Na sesión, a deputada popular Encarna Amigo, que presentou unha emenda en que se pedía engadir demandar o Ministerio de Sanidade que proceda a axilizar a acreditación das unidades docente para os MIR, criticou que o proxecto de orzamentos do Estado para 2021 "manteña a taxa de reposición para o persoal sanitario a pesar das "numerosas solicitudes realizadas" para que a elimine.
"Estamos a favor de apoiar todas as iniciativas e accións institucionais que faciliten a posta en marcha da medida de eliminación da taxa de reposición", manifestou para lembrar que "hai moitos anos que o Goberno galego e o PPdeG solicitan esta medida". "Imos votar a favor de todo e esperamos que vostede se atreva a porlle algunha tarefa ao seu goberno", trasladoulle a deputada do PP ao socialista Julio Torrado.
Pola súa banda, o BNG tamén apoiou esta iniciativa nunha sesión en que a súa portavoz de Sanidade, Montse Prado, vinculou a eventualidade e a precarización laboral na sanidade á privatización dos servizos públicos. "A crise foi unha escusa perfecta para converter servizos públicos esenciais, como a sanidade, en nichos de negocio para o sector privado", afirmou a nacionalista, que subliña que os profesionais "necesitan unhas condicións decentes". Por iso, sostivo que o BNG apoia todas as iniciativas que faciliten que se elimine a taxa de reposición, "prometida por todo o mundo e non efectivizada".