CRTVG

Buscar

Un xulgado suspende as repatriacións de nove menores desde Ceuta a Marrocos

Publicado o 16/08/2021 17:51
Un xulgado suspende as repatriacións de nove menores desde Ceuta a Marrocos

EFE

O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Ceuta ordenou “suspender” a repatriación de nove menores estranxeiros non acompañados desde a cidade autónoma, segundo un auto xudicial ao que tivo acceso Efe. O xulgado atende a demanda de medidas cautelares presentada pola Asociación Coordinadora de Barrios para o Seguimento de Menores e Mozos xunto coa Fundación Raíces respecto a nove menores non acompañados aos que pediran que non se devolvesen a Marrocos.

As asociacións solicitaran a non devolución dun grupo de 12 menores, aínda que o xulgado precisa que a súa decisión afecta a nove porque tres deles xa foran repatriados. O pronunciamento xudicial dos menores que entraron na cidade autónoma na crise do pasado mes de maio prodúcese pouco antes de que declaren no Xulgado de Instrución número 2 de Ceuta cinco menores incluídos no grupo dos quince que ían ser repatriados este luns, que solicitaron hoxe o habeas corpus para evitar ser devoltos.

Este mesmo xulgado no que van declarar este tarde cinco menores rexeitou o pasado sábado a suspensión cautelar das repatriacións que se realizan desde o venres entre España e Marrocos en grupos de quince menores ao día. No auto que suspende a repatriación de nove menores, a titular do xulgado do Contencioso-Administrativo considera que queda “acreditado” que “nin se incoou expediente administrativo nin se ditou resolución algunha en relación á repatriación dos menores”.

O xulgado engade que as autoridades gobernamentais só se limitaron a considerar suficiente o acordo subscrito entre España e Marrocos en marzo de 2007 sobre cooperación no ámbito da prevención da emigración ilegal de menores non acompañados. Ante esta situación, a maxistrada manifesta que “a única decisión posible é ordenar a suspensión da actuación adoptada pola Administración, dirixida a repatriar os menores non acompañados referidos na demanda, que aínda non fosen devoltos a Marrocos, quedando estes baixo a protección da Cidade Autónoma de Ceuta”.

Como recolle o auto, a xuíza tamén considera que non se cumpriu coas normas e principios do dereito internacional e co establecido na Convención sobre os Dereitos do Neno,. A maxistrada insiste que para proceder á repatriación dos menores é indispensable “a incoación dun expediente administrativo, no que debe constar datos tan esenciais como os relativos á filiación e as circunstancias sociais e familiares da súa contorna no país de orixe”. 

 

Noticias web

16/08/2021