CRTVG

Buscar

Un xulgado resolve que a Lanzada pertence ao Grove e rexeita o recurso de Sanxenxo

Publicado o 14/05/2020 19:53
Un xulgado resolve que a Lanzada pertence ao Grove e rexeita o recurso de Sanxenxo

O Xulgado do Contencioso número 3 de Pontevedra resolveu que a praia e contorna natural da Lanzada pertence ao concello do Grove.

Nunha sentenza con data do 5 de maio, desestímanse os recursos do Concello de Sanxenxo e a Comunidade de Montes en Man Común de Noalla contra esta decisión que tomou no seu día o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra. Fronte a esta a sentenza pódese interpoñer un recurso de apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) no prazo de 15 días.   

Nun comunicado, o alcalde do Grove, José Cacabelos, lamenta o "cansazo e perda de recursos que supón esta continua presión xudicial", que, "unha e outra vez, lanza o mesmo resultado". E é que o rexedor remarca que na sentenza recóllense procedementos sobre este tema desde o ano 1984.

"Por todo isto, é necesario poñer fin a esta batalla sen sentido e centrar os esforzos no realmente importante, que é o coidado e preservación do areal", asevera.   

Noutra orde de cousas, Sanxenxo informou este xoves de que prorroga os quioscos das súas praias de Areas, Montalvo, Major, Canelas e Paxariñas. En cambio, non se contempla este servizo no areal de Silgar e priorizarase o espazo para bañistas.