Un xulgado anula a primeira sanción por non respectar as medidas do estado de alarma

Un xulgado de Madrid anulou unha sanción de 601 euros que o Concello lle impuxera a unha menor por non respectar as restricións aprobadas pola pandemia. Esta é a primeira sentenza que se coñece neste sentido despois de que o Constitucional declarase nulo o confinamento do primeiro estado de alarma.
Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, o xulgado do Contencioso-Administrativo número 11 de Madrid considerou a sanción desconforme a dereito tras o fallo do tribunal de garantías que declarou inconstitucional e nulo o estado de alarma, "sen realizar ningunha aclaración sobre os efectos xurídicos desta declaración en relación ás multas impostas".
O maxistrado Jesús Torres Martínez non impón as costas a ningunha das partes porque a cuestión xeraba "dúbidas de dereito". Segundo a resolución, a menor foi sancionada con 601 euros por infrinxir a Lei de Protección da Seguridade Cidadá, por un "acto de desobediencia por non respectar as restricións aprobadas para evitar a extensión da pandemia orixinada pola covid−19".