CRTVG

Buscar

Un xulgado de Cangas arquiva unha denuncia sobre as residencias de maiores

Publicado o 21/04/2020 15:19
Un xulgado de Cangas arquiva unha denuncia sobre as residencias de maiores

O Xulgado de Instrución número 1 de Cangas decretou este martes o sobresemento provisional e arquivamento das actuacións relacionadas coa existencia de falecidos por COVID-19 nun centro residencial de persoas maiores, concretamente o que xestiona DomusVi nesta localidade pontevedresa.

Na denuncia presentada pola federación de familiares REDE, segundo indica a xuíza, "non aparecen indicios suficientes da perpetración de delito", pois "só refire a existencia de datos xa coñecidos, publicados tanto pola administración como polos medios de comunicación, sen que se acheguen datos ou feitos concretos".

Ademais, sostén que os enfermos e residentes estiveron sometidos a control médico, sen que en ningún momento o persoal sanitario puxera en coñecemento da autoridade xudicial a existencia de sospeitas de malos tratos.

Na denuncia, segundo a instrutora, realízase unha recompilación sobre a falta de medios materiais e persoais no centro residencial.

A xuíza indica que esa afectación produciuse "en todos os ámbitos médicos e asistenciais, non soamente nas residencias de maiores, senón no conxunto da sociedade", pero entende que iso, por si só, non supón a existencia dunha carga indiciaria que permita a imputación de delitos a persoas concretas.

"Nin un só dato ou feito achégase que teña unha base indiciaria suficiente para a apertura dun proceso de carácter penal", conclúe. O Xulgado de Instrución 1 de Cangas tomou esta decisión o mesmo día que recibiu a causa pola quenda de repartición.

As dilixencias parten dunha denuncia remitida o pasado 30 de marzo pola Garda Civil. Á parte desta denuncia, a federación de usuarios e familiares REDE presentou ante a Fiscalía Superior de Galicia outras tres, unha contra propietarios e xestores das residencias onde se contabilizan falecidos e/ou contaxiados por COVID-19, outra específica contra os do grupo DomusVi, cuxos centros concentran as maiores taxas de incidencia, e unha contra dous altos cargos e unha funcionaria da Xunta.

A Fiscalía Superior de Galicia incoou dilixencias preprocesais civís que remitiu ás provinciais e de área para que as incorpore ao seguimento que realizan sobre as residencias de maiores, igual que fixo con outra denuncia formalizada polo Defensor do Paciente. 

Máis sobre Cangas