CRTVG

Buscar

Un xuíz investiga se Montero usou unha asesora para coidar a filla

Publicado o 30/04/2021 16:44
Un xuíz investiga se Montero usou unha asesora para coidar a filla

Un xuíz de Madrid abriu dilixencias previas por un suposto delito de administración desleal contra a ministra Irene Montero e unha asesora do seu equipo, para determinar se esta traballadora desempañaba funcións como coidadora da súa filla menor pagadas con fondos públicos.

Nun auto adiantado por El Confidencial, ao que tivo acceso Efe, o titular do Xulgado de Instrución número 46 abre investigación sobre estes feitos, denunciados pola exavogada de Podemos Mónica Carmona, e cita a declarar o 14 de xullo, en calidade de investigada, a exdeputada Teresa Arévalo, asesora da titular de Igualdade.

Segundo a resolución, o maxistrado abre dilixencias previas "polo presunto delito de administración desleal" contra Irene Montero e Teresa Arévalo ao entender que "os feitos que resultan das anteriores actuacións presentan características que fan presumir a posible existencia dunha infracción penal".

Condición de aforada

A pesar de que a ministra ten condición de aforada e, polo tanto, o órgano competente para investigala sería o Tribunal Supremo, o xuíz acordou librar oficio á Comisaría do Congreso dos Deputados para que lle notifique a apertura deste procedemento "para os efectos legais oportunos".

No mesmo auto o maxistrado tamén cita como testemuñas nesta causa, para o 19 de xullo, a exxerente de Podemos Rocío Val, o tesoureiro Daniel de Frutos e o xefe de seguridade do partido, Víctor Martins.

"Baseado en falsidades"

Fontes de Podemos consideran que o procedemento está baseado en "falsidades" e quedará arquivado, pero sosteñen que servirá para "xerar titulares contra Unidas Podemos a tres días de votar nunhas eleccións".

A orixe da causa sitúase no escrito que Mónica Carmona remitiu ante outro xulgado de Madrid, o que investiga a xestión de Podemos no chamado caso Neurona. No texto aseguraba recibir unha denuncia "interna confidencial" afirmando que Irene Montero "utilizaba unha persoa a soldo do partido como coidadora dos seus fillos".

O titular daquel xulgado, Juan José Escalonilla, decidiu envialo a repartición xunto outras presuntas irregularidades denunciadas pola que fora avogada do partido, e o asunto terminou caendo no xulgado número 42 de Madrid, que comezou a investigar se existiu unha presunta administración desleal arredor da contratación da coidadora da menor.