CRTVG

Buscar

Bos días

Un xuíz arxentino procesou con prisión preventiva a ex-presidenta Cristina Fernández de Kirchner

Publicado o 18/09/2018 09:38

Un xuíz arxentino procesou con prisión preventiva a ex-presidenta Cristina Fernández de Kirchner na coñecida como a causa dos cadernos, unha trama de corrupción sen precedentes na Arxentina. Acúsaa de ser a xefa dunha asociación ilícita para cobrar subornos millonarios a empresarios a cambio de importantes contratos co Estado.

Despois dos testemuños que deron os numerosos empresarios e ex-funcionarios "arrepentidos" que foron pasando ante o xuíz e apuntando á ex-mandataria, o seu procesamento era algo agardado. Cristina Fernández está acusada de liderar unha asociación ilícita que cobraba millonarios subornos a empresarios durante os gobernos kirchneristas. O procesamento inclúe prisión preventiva, aínda que polo momento non poderá ser detida, pois conta cos foros que lle outorga o seu cargo de senadora nacional.

A filtración en agosto de multitude de anotaciós realizadas polo chofer dun ex-funcionario destapou esta trama de corrupción sen precedentes na Arxentina.

Tras semanas de investigacións e interrogatorios, incluíndo o rexistro das propiedades da ex-mandataria, o xuíz considera que Fernández e o seu marido, o falecido ex-presidente Néstor Kirchner, comandaban esta rede de cobro de subornos que funcionou entre o 2003 e o 2015.

A inmunidade parlamentaria que ten como senadora librará novamente a Cristina Fernández de ir á cadea, pois o seu desaforamento por parte da Cámara Alta parece, polo de agora, pouco probable sen unha sentenza firme.

O maxistrado procesou tamén con prisión e embargos millonarios a unha decena de ex-funcionarios kirchneristas e empresarios, entre eles, Angelo Calcaterra, curmán do actual presidente do Goberno, Mauricio Macri.

Fernández, que suma xa seis procesamentos na xustiza, comparecerá nunhas horas nos tribunais, nesta ocasión no marco doutra causa na que a investigan por lavado de cartos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Bos días

18/09/2018