CRTVG

Buscar

Un xubilado do Saviñao gaña no xulgado o complemento de paternidade que lle negou o INSS

Publicado o 28/06/2021 12:54

Luis Rodríguez e a súa familia celebran a sentenza dun xulgado do social de Lugo que obriga a Seguridade Social a pagarlle o complemento por ter máis dun fillo. Ten tres e, en consecuencia, a súa pensión mensual vai aumentar 80 euros.

Luís Rodríguez Rodríguez di que desde a presentación da demanda "deberon pasar uns seis ou nove meses. Foi rápida. Non contaba eu con tanta rapidez, contaba cun par de anos polo menos. Vaia, porque penso que teño dereito igual que as nais".

O Tribunal Superior de Xustiza da Unión Europea sentenciou, baseándose no principio de igualdade, que tamén os homes xubilados teñen dereito na súa pensión ao complemento por ter criado os fillos. Como a Seguridade Social non aplicou a sentenza nin atendeu a reclamación administrativa, traballadores con máis dun fillo, como Luis tiveron que presentar demanda no xulgado do social.

"De oficio non dan nada e se reclamas, ao final acábalo conseguindo. Loitando", di Luis.

El logrouno coa axuda do seu sindicato na presentación da demanda. Desde a organización salientan que a sentenza, pioneira na provincia de Lugo, obriga o INSS a aumentarlle a pensión un dez por cento e pagarlle os atrasos desde que presentaron a denuncia.

Mario Docasar Docasar, secretario de Acción Sindical de CCOO en Lugo, explica que "agora, como o xulgado se pronunciou nesta sentenza, que é firme, creo que o INSS non pode xa denegar calquera solicitude de pais con dereito ao complemento por fillos. Pode reclamar o complemento de paternidade".

Como Luis, todos os xubilados en España a partir do 1 de xaneiro de 2016 pais de dous fillos ou máis teñen dereito ao complemento de paternidade. A súa contía final depende tamén do importe da pensión. Supón un aumento do cinco por cento se ten dous fillos ata o quince por cento se ten catro ou máis fillos.

Noticias web

28/06/2021