CRTVG

Buscar

Un xornalista destapa un caso de abusos a 2.000 menores na Arxentina

Publicado o 01/08/2017 12:39

Este recoñecido xornalista acusa a Gustavo Rivas, ilustre avogado e historiador, de abusar deses nenos entre 1970 e 2010

Na Arxentina, un recoñecido xornalista acaba de destapar un caso de abusos que mantén expectante o país. Acusa a Gustavo Rivas, un prestixioso avogado e historiador, de abusar de máis de 2.000 menores durante 40 anos. A xustiza xa o está a investigar.

A Arxentina está pendente dun suposto caso de abusos que apunta directamente cara a un ilustre avogado e historiador: Gustavo Rivas. Un home que tería abusado presuntamente de máis de 2.000 adolescentes entre 1970 e 2010. Este escándalo saltou á actualidade grazas á investigación realizada polo prestixioso xornalista Daniel Enz, descubridor doutros sonados casos de abuso, e en base a que a fiscalía decidiu abrir unha causa de oficio.

Ocorreu en Gualeguaychú, a 300 quilómetros de Bos Aires, onde moitos aseguran que era "un segredo a voces" que ninguén se atrevía a denunciar por medo ao poder que o avogado ten na localidade.

Polo momento hai tres testemuñas que corroboraron ante a fiscalía os abusos e definiron o presunto pederasta como un gran manipulador que inducía os mozos a manter sexo con el a cambio de diñeiro.

Dende a Fiscalía son prudentes e aseguran que a declaración das vítimas será vital. Gustavo Rivas ten prohibido saír do país e xa se lle rexistraron varias propiedades en que se lle incautou material audiovisual que está a ser analizado. El asegura que está tranquilo.

"O 95 % é mentira. Non me afecta para nada. Eu estou moi tranquilo, están as cousas moi deformadas, moi ben armadas", deféndese.

Se é certo, este sería un dos casos de corrupción de menores máis graves da historia arxentina.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

01/08/2017