CRTVG

Buscar

Un xardín de Sada acolle maquetas de edificios senlleiros como a Terraza

Publicado o 26/06/2019 13:58

A Terraza de Sada comparte espazo coa torre Eiffel no xardín dunha casa da parroquia de Carnoedo. As dúas reproducións son as últimas obras de Manuel Sánchez, un xubilado que empezou a facer este tipo de maquetas para entreterse. E leva xa 18 anos.

"A Terraza téñoa ben vista porque levo tempo en Sada. Fíxena dunha foto que lle tirou o meu neto. E con iso e algunha vez que ía alí para recordar algún detalle, pois aí está", di Manuel.

Calcula que nesta obra empregou máis de trescentas horas de traballo. E fíxoa de madeira, e non de cemento, o material co que construíu todas as demais.

"A Terraza empeceina antes do Nadal e remateina en abril. Leva moito tempo. Paso o tempo de inverno así porque non hai onde saír, non se pode facer nada na horta e paso o tempo nestas cousas. A Terraza tiña que ser de madeira por forza, non estaría ben se me poño a facela de formigón, sería imposible, pero gústame máis o formigón", explica. 

Nótase que traballou máis de trinta anos nunha fábrica de prefabricados de formigón. Di que o que máis lle gusta é facer os moldes das pezas para que garden as proporcións. 

"É o máis interesante. A torre de Hércules, que foi o primeira cousa que fixen, funa medir alí ao natural e despois saquei as proporcións. E creo que me van saíndo máis ou menos". 

Ten moitas visitas de curiosos que se achegan para ver estes edificios senlleiros en miniatura. A Manuel agrádalle que lle gusten á xente. As que teñen máis éxito son a reprodución dun hórreo asturiano e, como non, a maqueta da Terraza de Sada.

Noticias web

26/06/2019