CRTVG

Buscar

Un vigués recolle datos estatísticos para estudar o impacto sanitario e económico da covid en 27 países

Publicado o 15/04/2021 16:16

Jorge Alonso é un estudante vigués apaixonado da estatística. Sempre lle gustaron os números, e di que foi á vista do volume de datos que xeraba diariamente a pandemia que comezou a recompilalos nun blog. Metido nese traballo, quixo estudar o impacto que tivo a covid no mundo, primeiro, en vidas.

"O que facemos é unha media das mortes que se produciron nos últimos cinco anos, e as comparamos coas de 2020", explica. "Parece razoable pensar que a covid poida estar detrás dese aumento", engade. 

Polonia, Bulgaria, Italia e España son os peor parados nese exceso de mortalidade. Un dato que Alonso relaciona co das perdas económicas recollendo as estimacións do Fondo Monetario Internacional. E conclúe que o PIB cae máis nos países do sur de Europa: "Os países que teñen unha dependencia moi grande do turismo como os mediterráneos, xa sexa Italia, Grecia, España ou Portugal". 

Na outra cara da moeda, os países nórdicos. "Países como Suecia, Dinamarca ou Noruega, padeceron moito menos as consecuencias desta pandemia que países como España, que segundo o noso estudo foi o país que máis o sufriu", di Jorge Alonso.

Fixo un estudo similar por comunidades autónomas, e di que Galicia estaría entre as que mellor capearon a crise económica e sanitaria provocada pola covid.

Noticias web

15/04/2021